Comunicado

Partido Popular de Cervo / Alfonso Villares

En vista das graves acusacións difundidas, no día de hoxe, no xornal electrónico Público consideramos preciso facer as seguintes aclaracións:

  • Desmentir categoricamente que exista trato de favor ou privilexio por parte da Xunta de Galicia en relación coa situación laboral de Alfonso Villares.
  • Aclarar que, desde a súa elección como alcalde, atópase en excedencia forzosa (servizos especiais) como empregado público, co dereito a reincorporarse na mesma categoría profesional, posto de traballo e quenda que tiña con anterioridade á súa condición de cargo público.
  • Esta circunstancia deriva da estrita aplicación do Convenio Colectivo Único da Xunta de Galicia, pactado cos sindicatos, feito que motiva a reserva de posto de traballo, nas mesmas condicións que calquera outro empregado público nas súas circunstancias.
  • Neste contexto, non procede xuridicamente que se convoque a cobertura dunha praza por oposición, cando quen a ocupa se atopa en excedencia forzosa, pois estaríase imposibilitando o dereito ao seu reingreso e sometendo á administración a unha condena xudicial segura por incumprir coa obriga de reserva de praza.
  • Unha vez que remate a situación de excedencia forzosa, por exemplo porque cese na súa condición de cargo público, e regrese ao posto de traballo sobre o que ten dereito a reincorporación, a administración si podería cubrir por oposición esa praza, pero nunca nun momento anterior, sen que se cumpra esa condición.
  • A información difundida ademais de omitir estes datos incorre noutras relevantes imprecisións, como cando asegura que Alfonso Villares é un traballador público temporal, cando en realidade é indefinido, situación consolidada por sentencia xudicial desde o ano 2000.
  • Ademais, de terse contrastado, a noticia tampouco incluiría outros erros como cando asegura que Alfonso Villares é alcalde do Concello de Cervo desde o 2011, cando o é desde o ano 2007, razón pola que se lle concede a excedencia forzosa no seu posto de veterinario.
  • Lamentamos que se publiquen informacións que intentan menoscabar a honra e o bo nome de persoas sen contrastalos previamente, e que ademais xeran desinformación, pois todos os datos que achegamos son perfectamente verificables e públicos.
  • De feito, a pesar de que Alfonso Villares é un alcalde e, polo tanto, un personaxe público localizable, non existiu contacto directo por parte do medio de comunicación nin con esta persoa, nin co Concello de Cervo. Tan só consta a remisión dun correo electrónico á conta xenérica do PPdeG, solicitando o número de teléfono do alcalde, horas antes da súa publicación.
  • De ter contrastado a información directamente co alcalde a nova publicada non incorrería nin en imprecisións, nin en conclusións inxustas e ilexítimas respecto dun trato de favor ao alcalde pola súa filiación política, afirmación –insistimos- rotundamente falsa.

09/09/2021